Trasladan dúas persoas por inhalación de fume tras un incendio nun edificio de Marín
Trasladan dúas persoas por inhalación de fume tras un incendio nun edificio de Marín
Os dous feridos permanecen no Hospital de Montecelo de Pontevedra en estado leve
O edificio, de catro andares, tivo que ser evacuado de madrugada
Dous residentes dunha vivenda de Marín tiveron que ser trasladados a un centro hospitalario afectados pola inhalación de fume provocado por un incendio no seu edificio de catro andares que tivo que ser evacuado en plena madrugada.
Un dos veciños contactou co 112 Galicia instantes despois das 3:45 horas para alertar sobre o lume, que se orixinou no segundo piso do edificio situado na rúa Jaime Janer. O fume comezara a propagarse por todas as instalacións.
A persoa que daba o aviso confirmaba que había xente no resto de vivendas. De feito, outras persoas tamén indicaron que acababan de escoitar explosións no domicilio afectado.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Morrazo e do Salnés, así como da Policía Nacional e Local.
Pouco despois, os axentes da Policía Nacional confirmaron que todos os veciños foran desaloxados e que os medios de extinción xa traballaban para controlar as lapas. Ao mesmo tempo, os profesionais sanitarios trasladaron a dúas persoas por inhalación de fume leve ao Hospital de Montecelo, en Pontevedra.
Como consecuencia do incendio arderon por completo varias estancias dun piso, afectando tamén o teito.
Segundo a Policía Local de Marín non foi doado sufocar as lapas e o fume propagouse por todo o edificio con rapidez facendo complicada a evacuación. Os vinte e dous veciños desaloxados pasaron a noite na rúa.
Moitos deles non poderán volver ás súas casas. O nivel de gases é aínda moi elevado. Algunhas vivendas quedaron danadas polo lume, outras pola auga empregada na extinción.
O Concello ocuparase do realoxamento dos veciños que o precisen. Algúns apuntaban a un fallo eléctrico como posible causa do lume, pero haberá que agardar a investigación policial que xa está aberta.