Tres derrotas galegas na sétima xornada da Liga Feminina de baloncesto

O Baxi Ferrol e o Celta estiveron preto de gañar os seus partidos como visitantes

O Ensino non tivo opcións contra o Xirona

G24.gal 17/11/2023 07:17

Un mal terceiro cuarto custoulle a Baxi Ferrol a posibilidade da quinta vitoria da temporada nun grande inicio de liga. Perdeu en Zaragoza, segundo clasificado, por 63-57. Ata o descanso, o dominio era ferrolán (31-35), pero nese terceiro período atascouse en ataque e perdeu boa parte das opcións de sacar algo positivo. Só anotou catro puntos en dez minutos e aproveitouno Zaragoza para coller a dianteira (46-39). Unha tripla de Pospisilova achegou a Baxi no último minuto (59-54) pero as locais resolveron desde o tiro libre. 

O Durán Maquinaria Ensino (dúas vitorias e cinco derrotas) non puido fronte a un dos grandes equipos da Liga Feminina. O Spar Xirona impuxo a lóxica e amosou un gran potencial en Lugo. Dominou o partido, sobre todo a partir do segundo cuarto (28-41 ao descanso) e sentenciou no terceiro (43-65). Ao final, máis de vinte puntos de diferenza que amosan a realidade dos dous conxuntos (54-77). Para destacar, a actuación de Esther Castedo con 11 puntos e 21 de valoración. 

O Celta Zorka Recalvi segue sen estrearse na liga aínda que estivo máis preto ca nunca de conseguilo na pista do Cadí la Seu. Non fixo un bo primeiro cuarto (24-14) pero reaccionou e entrou no derradeiro coas opcións intactas (54-53). A 45 segundos do final o resultado era de 71-69, pero unha tripla da local Brown sentenciou o encontro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar