Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres feridos na explosión dunha nave en Boiro

Tres feridos na explosión dunha nave en Boiro

O suceso ocorreu na nave de Rotogal, no polígono da Espiñeira, cando os traballadores estaban a mesturar materiais para a fabricación de poliuretano

Un deles foi evacuado en helicóptero ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, pero xa recibiu a alta

Nave en que se produciu a explosión
G24.gal 28/08/2024 16:10 Última actualización 28/08/2024 21:24

Ata tres persoas quedaron feridas. Unha delas tivo que ser trasladada en helicóptero tras unha explosión dentro dunha nave do polígono de Espiñeira en Boiro.

Os bombeiros do Parque Comarcal Provincial de Boiro foron alertados ás 15:27 horas desta tarde da explosión, que se produciu na nave de Rotogal no polígono empresarial de Espiñeira.

A explosión produciuse nun tanque que contiña un produto para a fabricación de poliuretano, quedando a zona afectada desconectada da electricidade e sen risco de fuga de produto. Ademais, tras a explosión non se produciu ningún incendio.

Juan José Fajardo, presidente do grupo J. J. Chicolino, ao que pertence Rotogal, explica que o incidente se produciu por un "erro humano", pois confundiron as mangueiras de dous compoñentes do poliuretano: "Onde tiña que ir a mangueira do poliol meteron a do isocianato e ao revés", explica.

No incidente tres persoas quedaron feridas e unha delas tivo que ser trasladada en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, pero recibiu a alta médica.

Os bombeiros procederon a comprobar o estado do tanque e da maquinaria que se atopaba na parte superior da nave, observando que falta a parte superior do depósito e un pequeno motor que se atopaba axustado á mesma.

Para atender este suceso deuse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Boiro, a Garda Civil e a Policía Local e Protección civil do municipio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade