Tres feridos nun accidente entre un camión e un turismo na A-8 en Vilalba
Tres feridos nun accidente entre un camión e un turismo na A-8 en Vilalba
Foron trasladados ao Lucus Augusti unha muller de 20 anos, un home de 18 e outro home de 55 anos
O camión envorcou sobre o coche e comezou a arder
Tres persoas quedaron feridas este luns nun aparatoso accidente de tráfico rexistrado na autovía A-8 ao seu paso por Vilalba.
O suceso ocorreu sobre as 17:00 horas deste luns no quilómetro 581 da A-8, en dirección a Asturias.
No choque víronse implicados inicialmente un camión e un turismo. O coche quedou baixo o camión, que, á súa vez, envorcou sobre o turismo e a mediana, iniciando un incendio. Ademais, outros tres vehículos resultaron danados ao encaixarse contra os restos da mediana e do camión.
A condutora do turismo quedou atrapada baixo o camión e para liberala foi necesaria unha intervención conxunta dos Bombeiros de Vilalba e Eume, xa que a situación na que quedou o turismo era moi complexa.
Así, os efectivos de ambos os parques formaron parte deste operativo, no que tamén participaron axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, dos membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Vilalba e da agrupación de voluntarios, así como do persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento, como titular da vía.
Ademais, tamén acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Foron trasladados ao Lucus Augusti unha muller de 20 anos, un home de 18 e outro home de 55 anos.