Tres kitesurfistas rescatan un bañista na praia das Furnas
Tres kitesurfistas rescatan un bañista na praia das Furnas
O home non podía saír da auga pola corrente e a forte ondada
Os veciños piden socorristas para evitar que se repitan sustos no areal
É o momento en que o helicóptero do 061 chegaba ás Furnas para trasladar o bañista ao hospital. Salvouse de morrer afogado grazas a axuda de tres afeccionados ao kitesurf. Axudados polo papaventos sacárono da auga cando xa lle quedaban poucas forzas.
"Ao parecer, un deles estaba facendo fotos na area e avistou no obxectivo da cámara un bañista en apuros. Avisou do que sucedía aos outros dous kitesurfistas que estaban na auga e lograron socorrelo".
As correntes fan que o baño sexa perigoso nesta praia, especialmente en xornadas de forte vento e ondas como a de onte. Pero algúns visitantes descoñecen o perigo ou non atenden ás advertencias.
"Normalmente é máis a xente de fóra que non coñece a praia e se mete no mar sen coidado, ou con flotadores, e iso nesta praia é perigoso. Como non hai socorristas, son os surfistas ou os do kite os que acaban salvando a xente".
"Hai 15 días uns surfistas tiveron que sacar sete persoas que afogaban na praia do lado".
Os veciños piden que o concello de Porto do Son contrate socorristas ou busque algún tipo de solución a un problema que se repite cada verán.
"Levamos anos sen socorristas. O Concello di que non atopa persoal, pero en Ribeira si que teñen, non o entendo".
"Se non hai que busquen solucións, podían facer convenios coas escolas de surf que as temos aquí", din dous veciños.
Desta volta, todo quedou nun susto, pero temen que un día se produza unha desgraza. O concello ten moitos quilómetros de praias batidas e cada vez son máis os visitantes aos que advertir de que non sempre é boa idea lanzarse ao mar.