Tres pavos reais brancos, estrelas da Residencia de maiores da Estrada
Non son albinos, a cor é resultado dunha mutación xenética chamada leucismo
Xa é habitual que o contacto con animais sexa de axuda terapéutica, emocional e física, nas residencias de maiores. Animan a estar ao aire libre, reducen estrés e ansiedade e o sono mellora. Estamos afeitos e velo con cans ou gatos..., pero nunca o víramos con pavos reais.
Non son as mascotas máis habituais. Os tres pavos reais brancos que viven na Residencia de Maiores Amboage da Estrada responden indistintamente ao nome de Pa. Comparten xardín con kikos, gansos, parrulos, carpas, tartarugas... Pode parecer unha arca de Noé, pero tanta profusión animal ten o seu sentido como comentan o xerente, José Antonio Patiño, e maila educadora social, Sonia Magariños.
"Anímanse a traerlles pan, galletas. Para que non estean sempre pechados no interior".
"Tanto a nivel emocional como físico para todos os grupos de idade, pero máis neste caso de persoas maiores, os beneficios son elevadísimos, dado que Galicia é unha comunidade onde case todo o mundo ten vínculos co rural".
Como ben di ela, moitos dos residentes foron gandeiros ou tiveron animais toda a vida. Este contacto é un xeito de facer perdurar ese vencello. Os residentes como Lola ou Bernardo confírmano.
"Eu vinlle abrir a cola ao macho e miña nai! parecía un abano, que cousa bonita".
"Van eles aló, ata a cristaleira do comedor a buscar comida tamén".
Patiño e Magariños lembran situacións cotiás que xera esta interacción.
"Chéganlles a comer da man e os kikos sóbenlles ao colo".
"E o cariño que lles teñen aos animais. Nunha ocasión en que o raposo matou un pavo a tristura era xeneralizada".
Noutro dos xardíns, Fritz fala coa súa amiga Susi, unha tartaruga duns 60 anos, calcula el, que o acompañou nos últimos trinta, agora tamén na residencia.
Pero neste pequeno zoo particular, os pavos brancos son os reis indiscutibles. A cor é resultado dunha mutación xenética e poden vivir ata 50 anos, sempre que o raposo non lles volva dar un desgusto na residencia.