Publicador de contidos
Publicador de contidos

Trinta patrullas do exército vixiarán os oito distritos forestais de máis risco de incendio

Trinta patrullas do exército vixiarán os oito distritos forestais de máis risco de incendio

A operación Sentinela Galego cumpre 17 anos en Galicia 

Desenvólvese entre o 15 de agosto e o 30 de setembro 

G24.gal 31/07/2024 13:53

A operación Sentinela Galego contra os incendios forestais desprega en Galicia 30 patrullas do Exército de Terra e da Armada a partir do 15 de agosto. Os militares colaboran coa Xunta e as forzas de seguridade nos labores de vixilancia do monte e de disuasión dos incendiarios. Hai xa 17 anos que comezou aquí esta experiencia de colaboración á que este verán se suman as illas Canarias.

Na base da Brigada Helitransportabe do Campiño, en Pontevedra, os responsables da Brilat presentaban hoxe os medios que destinan este ano á operación.  Son xa 17 veráns de traballo conxunto, nunha colaboración que xurdiu tras a vaga de incencios de 2006 e que se desenvolve nos oito distritos forestais con maior risco ata o 30 de setembro.

Día e noite, as patrullas vixían máis de 4.400 quilómetros cadrados de monte. Son da Brilat e tamén da Infantería de Mariña, a maioría militares galegos que se suman voluntariamente á misión.

 "Coñecen a contorna, os veciños, as corredoiras, e isto facilita moito o seu labor. O pasado fixemos 2.500 patrullas, percorrimos 275.000 quilómetros e contribuímos con 80 avistamentos de posibles focos ou incidencias",  declarou Alfonso Pardo, o xefe da BRILAT

O programa de prevención inclúe tamén a despregadura dun avión Raven que pode sobrevoar os incendios e ofrecer en tempo real imaxes que lles facilitan ás brigadas. Son medios que se suman aos da Xunta: 30 medios aéreos e 380 motobombas, aos que este ano se unen 6 máquinas polivalentes deseñadas polo propio servizo. 

 "Os nosos profesionais están recoñecidos a nivel internacional. E esta extensión da operación Sentinela ás illas Canarias da fe dese bo traballo que se está a realizar aquí", engadiu María José Gómez, a conselleira do Medio Rural

A operación é prorrogable. O Estado pon tamén á disposición da Xunta 10 avións e, no caso de ser necesaria, a Unidade Militar de Emerxencias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade