Trump comeza a celebrar o seu regreso á Casa Branca como o 47 presidente dos EUA
Trump comeza a celebrar o seu regreso á Casa Branca como o 47 presidente dos EUA
Este domingo participa no "mitin da vitoria" xunto á súa man dereita, Elon Musk
Este luns xurará o seu cargo nun acto que se celebra a cuberto polas baixas temperaturas
A Administración Trump está a reconsiderar as redadas de indocumentados previstas en Chicago
A poucas horas de tomar posesión do cargo, o presidente electo dos Estados Unidos, Donald Trump, dará este domingo o que chamou o "gran mitin da vitoria" no que tamén intervirá Elon Musk.
O centro de Washington xa está blindado para unha cerimonia que se celebrará, por primeira vez en décadas e por culpa das baixas temperaturas, a cuberto, no interior do Capitolio.
Donald Trump chegou nas ultimas horas ás proximidades de Washington para celebrar o seu regreso á Casa Branca. É o único presidente dos Estados Unidos que recupera o cargo despois de perdelo.
Un famoso imitador de Elvis Presley deulle a benvida na festa que se celebrou no seu club de golf, á que asistiron 500 convidados, e que rematou cun espectáculo de fogos artificiais e a música dos Village People.
Está previsto que este domingo, véspera da toma de posesión, Trump visite o cemiterio de Arlington para homenaxear os soldados caídos e que despois participe no que chama o "gran mitin da vitoria", que contará coas intervencións do vicepresidente Vance e do empresario Elon Musk, convertido na man dereita de Trump.
Toma de posesión
E este luns, 20 de xaneiro, nunha xornada que se prevé xélida, Donald Trump tomará posesión do seu cargo a cuberto, nun salón do Capitolio. O xuramento será ás 15:47, hora de Galicia, porque Trump foi o presidente numero 45 e será agora o número 47.
Ademais do seu predecesor, Joe Biden, e dos expresidentes vivos, asistirán uns 600 convidados, incluídos mandatarios estranxeiros e magnates tecnolóxicos.
Despois terá lugar o seu primeiro discurso como presidente e, antes do xantar inaugural, Trump tomará as primeiras medidas na chamada "cerimonia das sinaturas".
Segundo algunhas enquisas, ao redor da metade da poboación quere cambios significativos inmediatos. Un 60 % rexeita algunhas promesas como o desmantelamento do Departamento de Educación.
O seu equipo reconsidera a idea de facer unha redada contra indocumentados
O equipo do presidente electo Donald Trump está "a revisar" os plans de redadas en Chicago debido ao temor de que a filtración desa información poida poñer en perigo a seguridade dos axentes e o operativo, segundo indicou esta fin de semana o asesor de Trump en política migratoria, o chamado "tsar da fronteira", Tom Homan.
"Estamos a revisar os plans en Chicago pola filtración", explicou Homan a ABC News, en relación a unha información do diario conservador Wall Street Journal (WSJ) na que se aseguraba que uns 200 axentes estaban desprazados para iniciar detencións de persoas indocumentadas en Chicago o martes, un día despois da toma de posesión de Trump.