Trump e Zelenski asinarán o venres o acordo sobre minerais na Casa Branca
Ucraína compartirá cos EUA os beneficios da extracción de terras raras
O acordo non inclúe garantías de apoio militar e seguridade
Ucraína contribuirá cos beneficios da explotación das súas terras raras e outros minerais a un fondo de investimento conxunto cos Estados Unidos.
Zelenski valora positivamente a variante final do acordo de compensación pola axuda militar que lles enviou Washington. Sobre todo porque non fai referencia a ningunha débeda ucraína cos Estados Unidos. Trump chegara a falar de 500.000 millóns de dólares.
"O principal é que non somos debedores. Nin de 500.000 millóns, nin de 350.00 nin de 100.00, porque iso sería inxusto", asegurou Zelenski.
E aspira a que sexa o primeiro doutros acordos en materia de apoio militar e seguridade.
“Podería ser parte de futuras garantías de seguridade", apuntaba confiado o presidente ucraíno.
E o que Trump e Zelenski daban como unha posibilidade horas antes, confirmouse pola tarde. O acordo para ceder os beneficios dos recursos naturais ucraínos é inminente.
"O presidente Zelenski vai vir o venres. Asinaremos un grande acordo", confirmaba Donald Trump na reunión do seu gabinete.
O acordo con Ucraína asinarase un día despois de que os Estados Unidos e Rusia volvan sentar na mesa de negociación, desta volta en Istambul, para normalizar as súas relacións diplomáticas.