Twitter anuncia que prohibe os enlaces a redes sociais da competencia
Twitter anuncia que prohibe os enlaces a redes sociais da competencia
A medida ten un alcance moi amplo e pode desembocar na suspensión de calquera usuario que comparta contidos de certas plataformas da competencia
O usuario pode ver chíos borrados ou ver bloqueado temporalmente o acceso á conta
Twitter anunciou o pasado domingo que empezará a impedir que os seus usuarios publiquen enlaces a outras redes sociais como Facebook, Instagram ou Mastodon, ou que compartan o nome de usuario que utilizan nesas plataformas competidoras.
O movemento chega despois de que nas últimas semanas moitos ususarios críticos coa xestión de Musk comezasen a promover os seus perfís noutras redes, sobre todo algunhas que son unha alternativa directa a Twitter.
A medida ten un alcance moi amplo e pode desembocar na suspensión de calquera usuario que comparta contidos de certas plataformas da competencia, en concreto Facebook, Instagram, Mastodon, Truth Social, Trible, Post e Nostr.
Segundo unha actualización publicada na súa web, Twitter explica que se se trata de algo illado ou dunha primeira infracción, o usuario pode ver chíos borrados ou ver bloqueado temporalmente o acceso á conta.
Calquera violación máis desembocará nunha suspensión permanente, asegura a empresa, que tamén sinalou que suspenderá toda conta cuxo "obxectivo principal sexa promover contido noutra plataforma social".
Explicou que seguirá permitindo o 'cross-posting', é dicir, que outras plataformas publiquen contido cara a Twitter, por exemplo, cando se publica unha imaxe en Instagram e se selecciona a opción de compartila en Twitter automaticamente.
Ademais, sinalou que tamén se seguirán aceptando promocións pagadas por parte de calquera destas redes sociais.
Entre as plataformas que non aparecen como vetadas por Twitter destacan os casos de YouTube ou TikTok.