UBS acorda a compra de Credit Suisse por 3.000 millóns de dólares
UBS acorda a compra de Credit Suisse por 3.000 millóns de dólares
O BCE cre que a fusión de UBS e Credit Suisse é fundamental para garantir a "estabilidade financeira"
A operación valora a Credit Suisse moi por baixo da súa última cotización nos mercados
Pode ter un axuste de persoal de 10.000 traballadores
O acordo, pechado tras unha fin de semana de intensas reunións, supón o nacemento dun novo xigante da banca europea, e valora a Credit Suisse moi por baixo da súa última cotización en bolsa.
O banco suízo UBS alcanzou un acordo para adquirir Credit Suisse a cambio de máis de 2.000 millóns de dólares en accións propias (uns 1.900 millóns de euros), nunha operación que fusionará as dúas maiores entidades do país.
Para consumar a operación, as autoridades preparan un cambio na lexislación que acelere a transacción antes do luns.
Houbo intensas negociacións entre os dous bancos, o goberno, o banco central e a entidade reguladora para excluír a posibilidade dun desastre maior do banco, segundo o diario Financial Times.
Como parte do acordo, as partes involucradas acordaron unha modificación da lexislación para evitar que esta decisión de compra sexa sometida ao voto dos accionistas de UBS.
O executivo suízo anunciou o acordo, para o que o banco comprador lle esixiu varias garantías, en particular unha cobertura para cubrir gastos relacionados con eventuais litixios, que é de 9.000 millóns de euros.
Esta oferta duplica unha que UBS fixo horas antes e que Credit Suisse rexeitou por xulgala prexudicial para eles e os seus accionistas, xa que valoraba en 0,25 céntimos de franco suízo as súas accións, fronte aos 1,86 francos con que pechou na sesión bolsista do venres pasado.
A nova oferta valoraría o título do que foi nas últimas décadas o segundo banco máis grande do país, e que estivo entre os dez máis importantes de Europa, en algo máis de 0,50 céntimos, menos da terceira parte da súa cotización bolsista máis recente.
Hai un mes, as accións de Credit Suisse valían 2,77 francos e hai seis meses cotizábanse en 4,64 francos, aínda que nese momento a súa imaxe xa estaba deteriorada polos resultados de xestións deficientes, escándalos que puxeron en dúbida a súa reputación e litixios que o obrigaron a pagar multas millonarias, en particular nos Estados Unidos.
Todo iso levou a que o banco perdera máis de 7.300 millóns de francos (uns 7.900 millóns de dólares) en 2022, ano en que empezou a perder clientela de maneira importante e experimentou saídas de cantidades colosais de diñeiro, en particular no último trimestre.
O préstamo de máis de 50.000 millóns de francos que a semana pasada aceptou facerlle o Banco Nacional de Suíza para acougar os mercados, considerando que o seu capital e a súa liquidez eran suficientemente sólidos, non tivo o resultado esperado.
O trato supón un alivio para os mercados e evitaría unha sesión de pánico nas bolsas o luns, pero preocupan as consecuencias para a competencia. Reducir de dous a un o número de grandes bancos permitiría a UBS liderar o mercado suízo sen case oposición.
Tamén hai nerviosismo entre os empregados. Credit Suisse contaba ao remate de 2022 con 16.700 traballadores en Suíza e case 50.500 en todo o mundo. Os solapamentos con UBS van implicar despedimentos na rede.
O Banco Central Europeo, o BCE, cre que a fusión de UBS e Credit Suisse é fiundamental para garanitr a "estabilidade financeira". A súa presidenta Christine Lagarde insiste na "resistencia" da banca europea e insiste en que ten liquidez para actuar. A institución agarda que a absorción de Credit Suisse sexa xa o cortalumes definitivo que free as turbulencias financeiras en Europa.