Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ucraína denuncia un ataque ruso nun mercado de Donetsk con, polo menos, 17 mortos

Ucraína denuncia un ataque ruso nun mercado de Donetsk con, polo menos, 17 mortos

O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, cualificou de "inhumana" e "perversa" esta acción contra unha zona comercial próxima á liña da fronte de guerra

G24.gal 06/09/2023 15:19 Última actualización 06/09/2023 21:11

Polo menos 17 persoas morreron e máis de trinta quedaron feridas como consecuencia dun ataque do que as autoridades ucraínas acusan a Rusia contra o mercado central de Kostiantinivka, na provincia de Donetsk do leste de Ucraína.

“O inimigo alcanzou o mercado central de Kostiantinivka, na rexión de Donetsk”, di a información publicada pola axencia de noticias ucraína Ukrinform, que cita como fonte a Administración Militar deste óblast parcialmente ocupado por Rusia, polo que pasa a liña da fronte.

O masacre foi condenado polo presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, quen dixo que "neste momento, a artillería dos terroristas rusos matou 17 persoas na cidade de Kostiantinivka, na rexión de Donetsk”.

O xefe do Estado ucraíno publicou xunto á súa mensaxe un vídeo onde se ve o momento da deflagración e algúns dos seus devastadores efectos sobre o mercado.

O ministro do Interior, Ihor Klymenko, declarou que os labores de procura e rescate concluíron.

Unha vintena de tendas, unha liña de transmisión eléctrica, un edificio administrativo e outro de vivendas sufriron danos no ataque, que destruíu automóbiles e varios postos do mercado, segundo a Fiscalía.

“Un mercado normal. Tendas. Unha farmacia. Xente que non fixera nada malo. Moitos feridos. Por desgraza, o número de mortos e feridos pode aumentar”, escribiu Zelenski, que criticou na súa mensaxe a quen “aínda tenta” contemporizar con Rusia. “Significa pechar os ollos a esta realidade”, agregou.

O presidente ucraíno cualificou de "inhumano" e "perverso" este novo ataque letal das forzas rusas contra poboación civil ucraína.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade