Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ucraína recibe xestos de solidariedade cando a guerra ameaza con recruar

Ucraína recibe xestos de solidariedade cando a guerra ameaza con recruar

A OTAN e a CIA prognostican máis brutalidade por parte de Rusia

G24.gal 08/05/2022 20:59 Última actualización 08/05/2022 21:11

Zelenski recibiu este domingo en Kíiv as visitas do primeiro ministro de Croacia e da presidenta do Parlamento alemán.

A primeira dama dos Estados Unidos reuniuse coa muller de Zelenski ao oeste do país, preto da fronteira con Eslovaquia. Tamén se desprazou a Ucraína, a Irpin, o primeiro ministro do Canadá.
Foron todos encontros sorpresa, en solidariedade co pobo ucraíno. 

Coa mesma intención, Bono, o cantande de U2, improvisou un concerto nunha estación de metro de Kíiv. O G7 tamén escenificou o apoio a Ucraína convidando a Zelenski a intervir nun encontro virtual.

Pero a guerra continúa e a OTAN e a CIA cren que Putin vai redobrar esforzos. Na Alianza Atlántica falan de máis brutalidade e destrución masiva e avogan por intensificar a entrega de armas a Kíiv.

Bombardeo dunha escola

Este domingo Ucraína denunciou un bombardeo ruso a unha escola no Donbás, en que se refuxiaban 90 veciños. Recuperáronse dous cadáveres pero témese que poida haber arredor de 60 mortos.

Na siderurxia de Azovstal, o último bastión da resistencia en Mariupol, esperan o asalto final das milicias prorrusas que asedian o complexo.

Os combatentes que están dentro din que resistirán mentres haxa vida pero quéixanse de que os deixaron sós. Subliñan que as autoridades ucraínas non foron nin para comprobar se quedaban civís e que é posible que si.

Ucraína teme que Rusia acelere a toma da metalurxia para ter o control total de Mariupol coincidindo coa celebración este luns da súa vitoria sobre a Alemaña nazi na Segunda Guerra Mundial. De feito, Moscova enviou á cidade o seu viceprimeiro ministro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade