A última fin de semana de agosto, inzada de festas por toda Galicia que congregan milleiros de persoas
A última fin de semana de agosto, inzada de festas por toda Galicia que congregan milleiros de persoas
A última fin de semana de agosto, inzada de festas por toda Galicia que congregan milleiros de persoas
Ribadavia, Salvaterra de Miño, Chantada ou Boimorto celebran as súas romarías e os seus festivais máis famosos
A da Istoria é unha das citas festivas máis agardadas do verán... Ribadavia transfórmase un ano máis na gran vila medieval que foi para acoller milleiros de persoas que queren participar desta festa declarada de interese turístico nacional. Ataviados con vestimenta da época gozan do gran desfile, da recreación da voda xudía ou da representación da loita de cabaleiros.
En Chantada tamén este sábado é un dos días grandes. Sobre as once desta noite celébrase o Folión de Carros. É un desfile no que se representan oficios antigos vencellados coa zona e escenas cotiás do campo.
Son en total catorce carros tirados cada un por unha parella de bois. Esta é unha festa declarada de interese turístico galego e recoñecida como ben de interese cultural.
Salvaterra de Miño convértese na capital do viño do condado do Tea con denominación de orixe Rías Baixas. Aquí danse cita un total de 30 adegas que promocionan as virtudes desta zona. Celébrase unha gran cata e un túnel do viño presenta a súa historia e tradición e onde se poden degustar un total de 89 caldos.
Estas festas son só un exemplo, tamén se está a gozar da romaría do Naseiro, en Viveiro.
E este sábado celébrase o día grande do Festival da Luz, en Boimorto, con preto de 30 actuacións musicais, actividades infantís e gastronómicas, que fan desta toda unha fin de semana de diversión.