Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un ano sen Isabel II: o 60 % dos británicos aproban o reinado continuísta de Carlos

Un ano sen Isabel II: o 60 % dos británicos aproban o reinado continuísta de Carlos

O primeiro cabodano da raíña máis lonxeva celébrase sen actos oficiais

Carlos III lembra o legado da súa nai e agradece o apoio dos cidadáns

G24.gal 08/09/2023 14:53

A familia real británica opta por unha celebración de perfil baixo para este aniversario. Unhas salvas de canóns lembraron o ascenso ao trono do rei Carlos, que asistiu nunha pequena igrexa de Escocia a un servizo relixioso pola raíña Isabel.

Nunha breve gravación sonora difundida polo Palacio de Buckingham, Carlos III réndelle homenaxe á "longa vida e leal servizo" de Isabel II, un ano despois do seu falecemento.

A mensaxe foi gravada no castelo de Balmoral, o mesmo lugar en que a raíña falecía o oito de setembro de 2022, aos 96 anos. Comezaba daquela o doo e unha longa despedida á monarca máis lonxeva do Reino Unido.

Once días de homenaxes en que a familia real británica compartiu protagonismo cos cidadáns, dispostos a aguantar horas de espera para agradecer sete décadas de reinado. Un país en loito despediu a Isabel II cun funeral de Estado na abadía de Westminster, antes do enterro no castelo de Windsor.

A morte de Isabel II levou ao trono o seu fillo Carlos, de 74 anos. O seu reinado está marcado pola continuidade. Carlos III non é tan popular como a súa nai, pero o 60 por cento dos británicos consideran que está facendo un bo papel como rei.

A maioría agradece que non aborde grandes cambios, e valora que lidere a monarquía e manteña a familia unida. Porque aos cambios de Goberno e á crise económica que vive o Reino Unido, Carlos III suma algúns desgustos familiares, como o distanciamento do seu fillo pequeno. Henrique está de visita no Reino Unido, pero non hai previsto encontro ningún que alivie o cisma familiar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade