Un ataúde convértese en cesta de Nadal
Un ataúde convértese en cesta de Nadal
A iniciativa dun empresario funerario de Barbadás ten tanto éxito que xa vai pola quinta edición
A cesta contén produtos por valor de 2.500 euros
É un dos escaparates máis ornamentais de Barbadás, e tamén o máis tétrico. "Ai!, é un ataúde! Vamos, vamos, vamos, que eu inda non quero morrer agora!", comenta entre risas un veciño ao asomarse ao escaparate.
Non é a reacción habitual. O certo é que a idea tivo tanto éxito que xa vai pola quinta edición. Arturo é o responsable. Quería amosar a cara máis amable do seu negocio funerario.
Arturo Varela, empresario funerario e promotor da idea: "Antes, cando a xente vía un coche fúnebre, cunha cruz por riba e outra na punta, era moi intimidante. Pero nós temos un traballo que é o que é, hai que facelo coa maior seriedade e solemnidade posible, pero somos xente normal, que nos gusta o sarcasmo, que nos gusta rir...".
O contido tamén anima. Á parte dos clásicos do Nadal, coma os ibéricos, doces e licores, hai tecnoloxía e ata un chuchador de clítore que aínda está por vir. "Miña nai! A quen lle manden isto mándanlle moita cousa, eh? Pero está a vender ou é unha rifa? Terei que comprar, entón", ri unha clienta.
O total está valorado en máis de dous mil euros, e a recadación ten fins solidarios.
"Aínda que na rifa pon 2.200 euros, coa inflación, cando fomos facer a compra, chegou case aos 2.500. Recuperamos o que investimos e o excedente doámosllo á asociación ApúntasTE, de nenos con autismo", explica Arturo.
Hai 333 rifas á venda, con tres números cada unha, para o sorteo do Neno. E duran pouco. En dous días esgotáronse a última vez. Iso si, a caixa non a quixo ninguén, só levaron o que tiña dentro.