Publicador de contidos
Publicador de contidos

Moscova acusa o exército de Ucraína de derrubar un avión ruso en Bélgorod

Moscova acusa o exército de Ucraína de derrubar un avión ruso en Bélgorod

As autoridades rusas confirman a morte dos 74 ocupantes do avión militar ruso estrelado en que viaxaban 65 prisioneiros de guerra ucraínos

Ucraína non confirma nin desminte a súa responsabilidade e limítase a dicir que investigarán se realmente os presos ían na aeronave 

G24.gal 24/01/2024 10:37 Última actualización 24/01/2024 16:46

Un avión ruso de transporte militar Il-76 con 65 prisioneiros ucraínos a bordo estrelouse este mércores na rexión fronteiriza de Bélgorod, informou o Ministerio de Defensa de Rusia en Telegram.

A nota castrense precisa que o avión, en que tamén viaxaban seis tripulantes e tres militares rusos, transportaba os prisioneiros para o seu troco por soldados rusos retidos polo exército ucraíno. O gobernador da rexión confirmou xa o falecemento de todos os ocupantes da aeronave.

O portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, explicou que as autoridades traballan xa para esclarecer as circunstancias deste incidente, que se produciu contra ás 11:00, hora local a uns 50 quilómetros da fronteira ucraína.

Foi a uns cinco quilómetros da aldea de Yáblonov, onde non causou danos persoais nin materiais, segundo informaron residentes locais á axencia TASS.

O Ministerio de Defensa de Rusia acusou o exército ucraíno de derrubar o Il-76, un trirreactor pesado de transporte militar.

"O avión foi alcanzado polas Forzas Armadas de Ucraína desde a zona da localidade de Liptsi, na rexión de Khárkiv, co uso de sistemas de mísiles antiaéreos", sinalan nun comunicado.

Os radares rusos detectaron o lanzamento por parte de Ucraína de dous mísiles, din na nota, aínda que non precisa se os dous alcanzaron o seu obxectivo.

Imaxe de arquivo dun avión similar ao accidentado este mércores Imaxe de arquivo dun avión similar ao accidentado este mércores

Versión ucraína

Pola súa parte, fontes militares ucraínas, citadas pola axencia pública Ukrinform, asegurou nun primeiro momento que o que realmente transportaba a aeronave eran mísiles para os sistemas antiaéreos S-300 que Rusia emprega regularmente para bombardear Ucraína.

Non obstante, co paso das horas xa non mantiveron esa afirmación e tampouco negaron a súa responsabilidade no derrubamento do avión ruso. Limitáronse a asegurar que investigarán se realmente na aeronave viaxaban 65 prisioneiros de guerra ucraínos.

Si confirmaron que este mércores estaba previsto un intercambio de prisioneiros entre Ucraína e Rusa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade