Un barco de Open Arms levará 200 toneladas de alimentos a Gaza por mar dende Chipre
Un barco de Open Arms levará 200 toneladas de alimentos a Gaza por mar dende Chipre
Conta coa colaboración da ONG do chef José Andrés, que está a construír un pequeno peirao na Franxa para desembarcar os alimentos
O protagonismo da axuda humanitaria a Gaza correspóndelle estes días á vía aérea. Pero a ONG de orixe catalá Open Arms, coñecida pola súa implicación co drama da inmigración, ten un novo reto: levar alí 200 toneladas de alimentos a través dun traxecto marítimo.
A ruta que farán vai de Chipre á costa de Gaza e Israel. A propia presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou que se abriría ese corredor esta fin de semana. Open Arms xa cargou os víveres no porto chipriota de Lárnaca e agora agardan pola partida.
"Dadas as súas características é todo un reto, así que non podo adiviñar horarios polo tempo, pola seguridade, etc... Pero é inminente que cando estea todo listo, todo a punto, partiremos de aquí", explicaba Óscar Camps, fundador de Open Arms.
A outra pata deste envío é a ONG World Central Kitchen do chef José Andrés. Unha parte dos alimentos irán destinados ás 60 cociñas que instalou en Gaza. Xa dispoñen de todos os permisos diplomáticos, incluído o de Israel.
"Temos un corredor aberto, garantido e seguro por Israel para chegar á costa de Gaza. World Central Kitchen e o seu equipo están construíndo un peirao, un espigón, para poder practicar o desembarco o antes posible. Ben, están rematándoo", aclara Camps.
Loitar contra a fame e a desnutrición en Gaza é agora o obxectivo central de Open Arms. Din que se todo sae ben, haberá máis envíos e a maior escala.