Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un coche de alta gama queda devorado polo último incendio en Vilagarcía

Un coche de alta gama queda devorado polo último incendio en Vilagarcía

Todo apunta a un fallo electrónico no propio coche, pero algunhas testemuñas coinciden en que viron unha persoa fuxindo do lugar

O lume afectoulles a outros dous coches que estaban aparcados ao lado

G24.gal 24/09/2024 14:41

As lapas devoraron por completo a parte de atrás do coche, onde estaba concentrada toda a parte electrónica. Imposible recoñecer nin sequera o modelo, un Posrche de alta gama. Nunha primeira visual, todo apunta a un incendio fortuíto. 

O seu dono explica que "ese coche leva toda a electrónica e baterías no maleteiro e parece que foi algo do propio coche pero é todo moi raro, porque aparte de chover, o coche leva aquí dende o venres, e paréceme bastante raro que arda de por si".

Con todo, queda investigación por diante, sobre todo porque este é o último incendio de moitos e a xente anda atenta a calquera sinal. 

"Levamos unhas noites un pouco movidas. Non apreciamos un nexo na causalidade dos incendios que están ocorrendo pero si que algunhas testemuñas manifestaron que viran saír unha persoa das proximidades do vehículo", sinala Francisco Javier Guillán, o xefe do servizo de emerxencias de Vilagarcía.

E ao pé do coche, unha cazadora que non ardeu e que Diego non recoñece como propia. O lume provocou danos noutros dous vehículos aparcados ao lado, pero o final puido ser peor. 

Guillán explica que "os coches están bastante próximos uns a outros nun estacionamento en paralelo, nunha explanada, de noite, nunha zona pouco transitada, polo que é fácil que tardara en verse pero, por sorte, actuouse rápido e evitouse que se estendese aos demais vehículos".

Ademais da perda material, súmase a emocional. Diego pasou anos buscando exactamente este coche: un modelo concreto, da cor que quería e cuns acabados e materiais específicos. Conseguiuno en Alemaña e pagouno caro, como capricho que era. Hoxe mira para el con desolación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar