Un congreso nupcial non comercial para dominar a arte de organizar un casamento
Un congreso nupcial non comercial para dominar a arte de organizar un casamento
Redondela acolleu este domingo o II Congreso Nupcial de Profesionais das Vodas en Galicia
Redondela acolleu este domingo o II Congreso Nupcial de Profesionais das Vodas en Galicia. Non se trata dunha feira nin hai propostas comerciais, pero si de moita conversa e asesoramento arredor das posibilidades que ofrece a organización dun casamento.
APROGABE, que é a Asociación de Profesionais de Galicia de Vodas e Eventos, reuniu neste congreso que acaba de rematar uns trinta profesionais do sector nupcial no escenario e máis de sesenta parellas nas bancadas deste multiusos da Xunqueira en Redondela.
A tendencia é que as parellas casen máis tarde, a partir dos 35 anos, e que tal idade sexa propia para que noivos e noivas, e non as familias respectivas, deseñen o día do seu casamento.
E para iso este novo formato dun congreso, afastado de feiras comerciais nupciais, onde está prohibido falar de presupostos.
Volven as vodas ao serán onde ademais de dar de comer e beber aos convidados importa organizarlles algo que facer, algo lúdico e publicable nas súas redes sociais, desde un baile colectivo ensaiado ata a posibilidade de marchar para a casa cunha nova tatuaxe.
Como sucede nos congresos de ciencia, desde o escenario os expertos compoñen os seus relatorios para unha audiencia interesada.
Explícanlles ás parellas que van casar que facer ou non facer conforme a éxitos e fracasos na súa experiencia como organizadores de vodas. Desde como lucir un traxe a quen non o soe poñer á letra pequena de casar en gananciais ou en separacións de bens.
O que non hai neste Congreso son comerciais pechando tratos nupciais.
"Isto está enfocado máis que nada a resolver cuestións ou dúbidas que teñan as parellas. Están prohibidos os contratos e o contacto directo comercial coa parella. Trátase só de resolver dúbidas e preguntas", conta a TVG Rubén Bastero, o presidente de APROGABE.
No novo mundo en que cada convidado é un teléfono que traballa para a súa propia rede social, as novas vodas buscan que os asistentes ao evento teña actividade máis aló de bailar ledos.
"Entreter os convidados para que sexa algo diferente. Hai noivos que contratan espectáculos, e eu non tiña nin idea. Eu imaxino un espectáculo tipo Circo do Sol", explica Carme Rodríguez, que casará en 2026.
"Escoitei o tema de contratar un caricaturista, tamén un tatuador. Todo iso é algo máis novidoso, enfocado a Instagram. Pero desde logo o tema do caricaturista sorprendeume bastante", relata Antonio Barco, que casará en 2026.
Vodas de tarde ou de noite con noivos e noivas de máis de 35 anos. Esa é a tendencia actual. O congreso resolve dúbidas sobre a arte de preparar o día do casamento, que non é mesmo que a arte de levar o matrimonio.