Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un Deportivo en inferioridade sofre a remonta do Unionistas

Un Deportivo en inferioridade sofre a remonta do Unionistas

Soriano adiantou axiña o equipo coruñés

A expulsión de Olabe fixo posible a remonta local

G24.gal 01/04/2023 21:22

O Deportivo volveu naufragar como visitante. Nin o temperán gol de Mario Soriano, no minuto sete, serviulle ao conxunto coruñés para mellorar a imaxe lonxe de Riazor.

Ante o Unionistas, os sufridos seareiros brancos e azuis que, como sempre, viaxaron en masa para apoiar aos seus, sumaron unha decepción máis, a enésima dunha temporada na que o posto de ascenso directo está cada vez máis lonxe para os de Óscar Cano.

Logo do cero a un, a nada absoluta na liña de creación e no ataque. E, por se fose pouco, a defensa non se decatou da posición de Mario Losada logo dun despexe desde a área propia do equipo salmantino. O disparo de Losada igualaba o marcador no minuto 17. De aí ao tempo de lecer, como se non existisen as porterías.

Cambiou a cousa no segundo tempo porque Olabe foi expulsado por dobre cartón no minuto 51. O centrocampista do Deportivo perdeu despois os nervios e rompeu unha porta dos vestiarios. O caso é que con dez, o equipo coruñés estivo a piques de adiantarse no marcador. Xogada embarullada con remate de Jaime Sánchez rexeitado polo gardameta Salva. E na continuación, o árbitro non indicou o que pareceu un claro penalti. Desesperábanse os deportivistas logo dunha acción que puido cambialo todo.

E quen finalmente marcou foi un ex do conxunto coruñés. Christian Santos, no minuto 80, facía o dous un definitivo a prol dun Unionistas que pon terra de por medio cos postos de descenso. O Deportivo sae ferido do Reina Sofía. As viaxes comezan sempre con ilusión e acaban por ser todo un pesadelo para o deportivismo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos