Un detido e un escaparate roto tras unha liorta nocturna en Ferrol
Un detido e un escaparate roto tras unha liorta nocturna en Ferrol
A veciñanza leva meses denunciando as concentracións ante unha discoteca da rúa Sánchez Calviño
A hostalería e o comercio do barrio súmanse ás reclamacións para acabar con esta situación
Carlos Torreiro está a piques de abrir un negocio na rúa Sánchez Calviño de Ferrol. Quédanlle aínda unhas semanas para a inauguración, pero xa tivo que repoñer o cristal do escaparate Escacháronllo esta fin de semana, algo que se temía que ía pasar antes ou despois.
"Xa se contaba", recoñece con resignación, "porque aquí polas noites isto é tremendo". Asegura que no barrio non se pode durmir co ruído e afirma que "xa non saben que facer".
O seu local foi o principal damnificado da liorta desta fin de semana ás portas dunha discoteca, pero a veciñanza leva meses protestando polas concentracións nocturnas. Nalgunha ocasión chegaron a meterse no interior dos edificios e un dos residentes afirma que están "cansos de reclamar" sen que ninguén lles faga caso.
Os comercios e os locais de hostalería do barrio tamén piden solucións. Xa tiveron moitas experiencias desagradables e a pasada fin de semana a policía tivo que presentarse no lugar. Arrestaron unha das persoas implicadas na liorta que, ao parecer, xa tiña antecedentes delituosos.