Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un enfermeiro no paro e un policía nacional sálvanlle a vida a un ancián que sufrira un infarto

Un enfermeiro no paro e un policía nacional sálvanlle a vida a un ancián que sufrira un infarto

Reanimárono durante 20 minutos, ata que chegaron os servizos de emerxencias e lograron que recuperara o pulso

A familia do ancián agradece a súa acción providencial

G24.gal 04/11/2022 13:09

A acción dun enfermeiro en paro e un policía nacional fóra de servizo foi crucial para salvarlle a vida a un ancián que onte á tarde sufriu un infarto na Pobra do Caramiñal. Mentres non chegaban os servizos de emerxencias, practicáronlle manobras de reanimación e lograron así que recuperase o pulso. O home, de 85 anos, foi trasladado polo helicóptero medicalizado ao Hospital Clínico de Santiago, onde permanece ingresado.

O home, de 85 anos, estaba no patio da súa casa, no lugar da Ponte de San Antonio, cando caeu. Mentres a familia pedía axuda, chamando os servizos de emerxencias, apareceron providencialmente un enfermeiro e un axente da Policía Nacional, veciño da zona e que estaba fóra de servizo, e ambos releváronse para facerlle as manobras de reanimación.

Foron momentos de moita tensión e angustia para a familia e a coidadora do ancián, que tamén estaba presente. Prefire manterse no anonimato, pero quere agradecer o xesto destes dous homes que durante 20 minutos estiveron facéndolle ao ancián as manobras de reanimación ata que lograron que recuperase o pulso. Asegura que a súa intervención foi crucial para salvarlle a vida.

Unha vez estabilizado, o home foi trasladado nun helicóptero medicalizado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago, onde permanece ingresado.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade