Un falecido nun accidente de quad en Friol
Un falecido nun accidente de quad en Friol
O suceso tivo lugar nunha pista forestal da parroquia de Nodar
Tráfico investiga se faleceu no accidente ou por unha indisposición
Un residente na parroquia de Nodar, en Friol, morreu cando estaba a conducir un quad. O vehículo do falecido, que tiña 67 anos, envorcou nunha pista forestal próxima á súa vivenda, no lugar da Travesa de Ledro.
Xunto cos servizos de emerxencias mobilizados polo 112, os sanitarios do 061 tamén se desprazaron ata este punto, pero só puideron certificar a morte do condutor.
Daniel Vilela, GES de Friol: "Desprazámonos ata o punto e topámonos coa envorcadura dun quad e cunha persoa accidentada ao lado. Os servizos fúnebres e mais os médicos constataron o seu falecemento".
Polo momento, descoñécense as causas deste suceso. A Garda Civil de Tráfico investiga se o home morreu por unha indisposición ou como consecuencia do impacto ao envorcar o vehículo.
Daniel Vilela, GES de Friol: "Sobre as causas do falecemento, aínda están por determinar. Descoñécese se sufriu unha indisposición e posteriormente tivo o accidente ou se directamente faleceu a causa da envorcadura".
Os servizos fúnebres, pola súa banda, trasladaron o cadáver ao HULA para practicarlle a autopsia.