Un guindastre causa danos na catedral de Ourense
Un guindastre causa danos na catedral de Ourense
A balaustrada da fachada sur quedou seriamente danada tras o paso dun camión guindastre
Por escapar duns balcóns, o vehículo bateu contra a varanda do templo, que ameaza con caer en calquera momento
Ocorreu o domingo á noitiña. Un camión guindastre, que viña das obras eternas do Museo Arqueolóxico de Ourense, bateu contra a balaustrada da catedral. O sancristán, que vive na propia catedral, foi o primeiro en baixar. Tamén acudiron os bombeiros e a Policía Local, que precintaron a balaustrada e pecharon a rúa ao tráfico polo risco de desprendementos.
Daniel Fonseca, oficial dos Bombeiros de Ourense: "O que pasou é que o autoguindastre estaba manobrando e, por apartarse dos balcóns que hai do lado dereito, arrimouse á catedral e tocoulle á balaustrada".
José Pérez Domínguez, deán da catedral: "Foi un aviso do que pode pasar cada día do mes, porque hai un tráfico de coches non axeitados para estas rúas. Tamén non pasou na fachada norte, que un coche marchou cunha cornixa de pedra".
O deán da catedral está pendente do atestado para estudar as medidas a seguir, que han estar coordinadas con Patrimonio.
José Pérez Domínguez, deán da catedral: "O máis inmediato é asegurar esas pedras, porque, ademais, os nenos soben por estas pedras, ou mesmo calquera persoa maior que se achegue por aquí".
Malia que foi construída posteriormente, entre os séculos XVII e XVIII, a balaustrada forma parte do conxunto catedralicio, Ben de Interese Cultural e destino turístico preferente da cidade de Ourense.