Publicador de contidos
Publicador de contidos

Buscan o home que disparou contra un mozo esta noite en Maceda

Buscan o home que disparou contra un mozo esta noite en Maceda

O mozo lesionado puido saír polo seu propio pé do domicilio e deseguida foi trasladado en ambulancia ao Complexo Hospitalario de Ourense

EFE 02/11/2022 23:46 Última actualización 03/11/2022 14:59

O suceso desencadeouse contra as nove e media desta noite no centro de Maceda. Segundo relata a Garda Civil, un mozo de 32 anos recibía tres disparos na súa propia vivenda.

Os veciños que escoitaron deron aviso do ocorrido e auxiliaron a vítima, que saíu á escaleira do edificio pedindo axuda.

"Baixou un mozo berrando polas escaleiras que o mataban, abrín porque oín un ruído e pensei que caera alguén cun moble polas escaleiras. E abrín e xa o vin todo ensanguentado, meteuse dentro da casa e quedamos petrificados. Detrás viña o outro mozo, parecía un mozo, que eu non o vin moi ben e foi cando pechei a porta e empezamos a chamar. Eu non sei, se non chego abrir a porta, o mellor....", relata unha testemuña.

Estas mesmas fontes aclararon que o mozo lesionado puido saír polo seu propio pé do domicilio. Os tres disparos alcanzaron o abdome, o rostro e a man da vítima, que foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) polas feridas de gravidade, aínda que está fóra de perigo vital.

A Garda Civil puido acceder á vivenda da rúa Cardeal Quiroga de Maceda, pero o suposto autor dos disparos non se atopaba nela, e procederon á recollida de probas por ser o escenario dos feitos.

Ao longo da noite e madrugada deste xoves despregouse un amplo dispositivo para localizar o autor.

O alcalde de Maceda Rubén Quintas indicaba que non se produciran novidades, pero que agardaba "unha pronta resolución do caso".

"Houbo unha apertura da vivenda, entón entendemos que é unha persoa coñecida como fariamos calquera e a partir de aí pois algo se foi de man que acabou nesta desgraza", relataba o alcalde.

O rexedor tamén explicaba que a vítima reside en Maceda por motivos laborais. Dedícase á gandería no concello próximo de Xunqueira de Espadanedo. Aínda que non é natural da vila si formaba parte da "vida xuvenil" da localidade.

"A esta hora da mañá a vítima está en proceso de reanimación, evolucionando favorablemente pero en reanimación. As referencias que hai do rapaz, tanto de veciños como de xente que o coñecía son moi boas e loxicamente impacta", di Rubén Quintas.

Polo momento, a Garda Civil mantén todo o abano de hipóteses aberto sobre o sucedido e busca un home do que apenas contan con datos, segundo as fontes de investigación consultadas, xa que o ferido só fixo unha pequena declaración inicial dado o seu estado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade