Os tres días de magostos enchen os mercados de Ourense de compradores
Os tres días de magostos enchen os mercados de Ourense de compradores
Castañas e costela de porco son os produtos máis demandados e accesibles este ano
Bica, viño e licor café completan o menú imprescindible na festa
Entre tres e catro con cincuenta euros se vendían as castañas en función da caste, tamaño e estado sanitario na praza de abastos de Ourense. A colleita foi boa e as vendas tamén o están a ser. Nas tres vindeiras noites vanse consumir milleiros de quilos nos centos de magostos que hai por toda a provincia.
"Tardaron en venderse pola calor pero agora están indo moi ben polos magostos".
Pero o magosto non é só castaña. O máis consumido é a costela de porco, que este ano non subiu de prezo. Por oito euros conséguese un quilo desta carne. Tamén hai moita demanda de chourizos e de touciño entrefebrado e algo menos de tenreira, que si se encareceu.
"Hai quen leva crioulos ou chourizos normais. Incluso teño unha encarga de 50 entrecostos".
"Por esta data sempre collemos 200 ou 300 quilos máis de costela".
A bica, o viño e o licor café completan un menú dos magostos que por 40 euros permite ter unha boa festa. Veciños e visitantes xa se preparan para gozar a tope dunha das datas máis sinaladas no calendario de festas.
"Collemos todo o necesario para pasalo ben coa familia e os amigos".
"Levamos, chourizos, touciño entrefebrado e castañas para o magosto".
Se a pasada semana era a ponte de santos a que ateigaba a praza de abastos, desta volta foron os magostos.