Denuncia que lle cortaron o gas despois de reclamar dúas facturas de 8.000 euros
Denuncia que lle cortaron o gas despois de reclamar dúas facturas de 8.000 euros
Odisea do propietario dun restaurante do Burgo ao que lle cortaron o gas sen previo aviso e tivo que pechar durante dous días
Odisea do propietario dun restaurante de Culleredo ao que lle cortaron o gas sen previo aviso e tivo que pechar durante dous días. Hai 9 meses a compañía subministradora pasoulle dúas facturas de consumo estimado de 8.000 euros. Devolveunas e presentou sucesivas reclamacións, pero Naturgy, lonxe de corrixir o erro, actuou pola vía drástica. O hostaleiro tivo que facer unha reinstalación urxente de gas propano para poder reabrir e agora reclamaralle á compañía subministradora os danos que lle causaron.
David e Patricia levan unha década á fronte da Taberna do Campo. No mes de abril do ano pasado decidiron cambiar o propano polo gas cidade. Non lles enviaron ningunha factura ata novembro, en que lles pasaron dúas cun consumo estimado, superior ao real e por importe de 8.000 euros.
Comezou aí a odisea. Devolveron os recibos e presentaron reclamacións a Naturgy para que corrixise o erro, pero non o solucionaron. Malia que seguiron pagando as facturas cada mes, a compañía seguiu reclamando o impago dos recibos errados e actuaron sen consideración, pola vía unilateral e máis drástica.
Tiveron que pechar durante dous días e buscar unha solución urxente que foi reinstalar o propano. David asegura que tras denunciar na prensa o abuso, desde Naturgy puxéronse en contacto e comprometéronse a solucionar canto antes a situación, pero aínda seguen agardando. Aínda así, asegura que reclamarán os danos que lle causaron.