Un incendio calcina por completo a vivenda de dous irmáns en Abegondo
Un incendio calcina por completo a vivenda de dous irmáns en Abegondo
O lume orixinouse na cociña e propagouse rapidamente por toda a casa
Un dos ocupantes, de 77 anos, tivo que ser atendido das queimaduras que sufriu nun brazo
Manuel e Xesús Bolaño case non dan crédito cando ven o que quedou da vivenda familiar. Pouco despois do mediodía do mércores, Manuel preparaba a comida. Botou auga no aceite fervendo que tiña na cociña e rapidamente prendeu o lume.
"Todo eran charamuscas por riba de min, era imposible", di, co susto no corpo.
Cando prendeu o lume botouse para atrás e caeu. "Alí quedei, como non tiña forza para levantarme... vía o lume detrás de min".
Seu irmán Xesús xa viu, de camiño á casa, o grande incendio na vivenda. "Vino xa desde o monte e dixen... este morreu".
Afortunadamente, a esa hora pasaba pola casa a panadeira que diariamente lles deixa o pan, e iso salvoulle a vida. O que non se salvou foi o inmoble, con estrutura de madeira e que rapidamente foi pasto das lapas.
Cóntao o sarxento do Parque de Bombeiros de Betanzos, José Manuel Pérez, que explica que "cando chegamos xa estaba o teito colapsado, e a vivenda ardeu por completo". Confirma que "todo indica que o lume se orixinou na cociña, e de forma moi rápida estendeuse ao resto da vivenda, e como había moita carga térmica, con madeira e cousas, o incendio propagouse rapidamente".
Os dous irmáns foron acollidos na casa dun veciño, onde quedarán ata que teñan aloxamento, mentres non se reconstrúe a vivenda. Toda a aldea de Leiro e o departamento de Servizos Sociais do concello ofrecéronlles axuda. Agora, tratan de asimilar o susto, sabendo que puido ser moito peor. "Se non é pola panadeira, estou morto", asegura Manuel.
Manuel recupérase tamén das queimaduras das que tivo que ser atendido no brazo.