Un incendio calcina un alpendre con leña en Cospeito
Un incendio calcina un alpendre con leña en Cospeito
Non quedou ferido ningún ocupante da vivenda
Descoñécense as causas que puideron orixinar o lume
Un incendio calcinou en Cospeito un alpendre onde os propietarios almacenaban dous camións de leña. O lume iniciouse de madrugada por causas que se descoñecen, xa que no pendello non gardaban maquinaria. Ninguén resultou ferido e o incendio non afectou á vivenda.
"Estamos todos ben. Sen leña pero ben". Iso é o que dicía Sonia Engroba, a filla dos propietarios da casa afectada. O máis importante é que ninguén resultou ferido a causa do incendio que calcinou por completo dúas carretas de leña que tiñan almacenadas para o inverno.
"Unha parte da leña xa estaba cortada e gardada noutra parte. O resto estaba almacenada no alpendre que ardeu. Estaba cheo de troncos enteiros", explica.
O incendio iniciouse de madrugada e foi unha casualidade que se decatasen. "Meu pai foi de madrugada ao baño e mirou o resplandor. Entón xa nos avisou a miña nai e a min e xa baixamos e chamamos ao 112".
Bombeiros de Vilalba participaron na extinción do lume. Non saben que o puido orixinar porque no alpendre non había maquinaria.
A familia pasou un grande apuro. "O susto foi grande. Ao principio pensamos que era onde está gardada a maquinaria, que está máis preto da casa".
Afortunadamente só hai que lamentar danos materiais.