Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio calcina un singular hórreo de planta cadrada no concello de Castroverde

Un incendio calcina un singular hórreo de planta cadrada no concello de Castroverde

A acción dos veciños impediu que o lume se propagase a vivendas lindeiras

Imaxe do hórreo queimado
G24.gal 03/03/2025 13:12

O lume calcinou por completo un hórreo no concello de Castroverde que puxo en perigo varias casas lindeiras. A rápida intervención dos veciños impediu que as lapas se propagasen.

Ninguén se explica que puido orixinar o incendio, que en poucos minutos acadou unha gran virulencia debido á gran cantidade de madeira seca que se almacenaba nel. A fortuna quixo que se declarase no mediodía do domingo, e non de noite. É en fin de semana cando esta aldea da parroquia de Vilabade ten máis veciños. 

"Aquí estivemos todos apagando e colaborando. E porque coincidiu que foi a fin de semana, porque aquí vivimos moi pouquiña xente. E se pasa de noite xa non te digo nada. Dixéronme que ardía o hórreo e cando saín xa mirei que todo era unha enorme lapa. Foi inmediato. Díxemen: isto xa non ten salvación", nos comentan varios dos veciños que participaron nos labores de extinción.

Providencial tamén que dispuxeran dun sistema de bocas de incendio custeado polos propios veciños con cartos da venda de madeira de bosques en man común. "Cando se fixo a traída da auga hai uns anos e foi cando puxemos as bocas de rego para os incendios. A verdade é que estamos un pouco preparados nese sentido. O ideal é que as tivesen en todo os sitios".

Con este sistema conseguiron controlar a expansión do incendio mentres chegaban os bombeiros de Sarria e os efectivos de Protección Civil: "Preocupábanos especialmente as casas porque están xuntas".

Tratábase dunha construción con varios séculos de antigüidade e atípica nunha zona coma Castroverde: un hórreo de planta cadrada do estilo dos asturianos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade