Un incendio calcina un tractor e un camión en Cospeito
Un incendio calcina un tractor e un camión en Cospeito
Os bombeiros evitaron que se propagase o lume ata o resto da maquinaria
Non houbo que lamentar danos persoais
Contra as dez e media da noite saltou a voz de alarma, unha persoa alertou de que había lume nunha empresa de maquinaria agrícola da Feira do Monte, no concello lugués de Cospeito.
"Recibimos unha chamada, arde un taller de tractores en Cospeito. Cando chegamos vimos que era un tractor encima dun camión góndola", conta Félix Carballeira, sarxento dos bombeiros de Vilalba.
O lume iniciouse nun tractor e propagouse despois no camión sobre o que estaba. Era un tractor que chegara aquí para reparar e aínda non o baixaran por falta de espazo. Os bombeiros traballaron arreo para sufocar as lapas, uns traballos realizados neste caso con escuma.
"Os labores de extinción cando hai aceites, hidráulicos e pneumáticos temos que utilizar escuma, traballamos por sufocación", explica o sarxento dos bombeiros.
Os esforzos centráronse tamén en evitar que as lapas se propagaran á nave da empresa e ata o resto da maquinaria agrícola que había na zona.
"É un taller de gran relevancia que ten unha zona de exposición con maquinaria nova e unha zona de reparación", subliña Félix Carballeiras dos bombeiros de Vilalba.
Pese ás perdas iniciais, todos celebran que non houbo danos persoais e que se conseguiu evitar unha desgraza moito maior.