Un incendio destrúe a nave dunha cooperativa agrícola en Paradela
Un incendio destrúe a nave dunha cooperativa agrícola en Paradela
A rápida actuación dos medios de extinción impediu que o lume se propagase ás outras dúas naves
Os bombeiros lograron extinguir o incendio que deixou practicamente destruída a nave dunha cooperativa agrícola no municipio lucense de Paradela.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE) informa de que a rápida actuación dos medios de extinción impediu que o lume se propagase ás outras dúas naves que completan as instalacións desta sociedade, localizada no lugar de Castro de Rei de Lemos, á altura do quilómetro 3 da estrada LU-P4205.
A central de emerxencias mobilizou os bombeiros de Chantada e de Sarria, o GES de Monterroso, a Garda Civil e persoal do Concello de Paradela. Ata o lugar tamén se desprazaron para colaborar nos traballos de extinción medios do distrito provincial de incendios forestais cunha motobomba.
Xa co lume controlado, os servizos de extinción traballaron para retirar e refrixerar todo o material almacenado nas instalacións, na súa maior parte rolos de palla que arderon por completo. A estrutura da nave tamén se viu afectada polas lapas.
O persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 tamén foi avisado do incendio, a modo preventivo, dado que non houbo que lamentar danos para as persoas.