Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un incendio na grella obriga a desaloxar un restaurante en Arteixo

Un incendio na grella obriga a desaloxar un restaurante en Arteixo

O restaurante estaba ateigado de xente para ver un partido de fútbol, pero non houbo danos persoais que lamentar

Fachada do local, situado na rotonda do Seixedo
G24.gal 15/01/2024 15:05

Foi na hora punta dun día punta: o restaurante estaba a rebentar cando prendeu a cheminea da grella.

"Cando chegamos estaba o aparcamento totalmente cheo de vehículos, case non podiamos entrar cos camións", explica o xefe de bombeiros de Arteixo, Alejandro García.

Ao entrar no local comprobaron que a cheminea estaba ardendo "por diferentes sitios", e o fume invadía xa o salón. Pero conta que o que se respiraba alí era todo o contrario ao pánico.

"Malia o fume, a xente continuaba tentando ver a televisión, porque coincidiu en horario co partido de fútbol", explica García. "Custounos sacalos, porque hai moita paixón polo fútbol", engade entre risas.

Unhas 150 persoas foron desaloxadas sen afección ningunha, e os bombeiros pasaron arredor de dúas horas tentando extinguir o lume e arrefriar a cheminea. É a saída de fumes da grella, que onte estaba traballando a pleno rendemento. 

"Coa acumulación de graxa e a temperatura -explica o xefe de bombeiros- comeza a quentarse, a derreter, e nun momento dado empeza a arder".

O lume provocou danos no revestimento da grella e no falso teito desa zona, pero o maior estrago fíxoo o fume, que manchou todo o comedor. Aínda están por cuantificar os danos e as contas que perderon de cobrar ao ter que desaloxar o local. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade