Un líder do brazo armado de Hamás morre nun ataque israelí no norte do Líbano
Un líder do brazo armado de Hamás morre nun ataque israelí no norte do Líbano
Segundo o diario The Times of Israel, o falecido sería Saeed Atallah, xefe das brigadas al-Qassam
Catro persoas morreron, entre elas un líder do brazo armado de Hamás, nun ataque israelí preto dun campamento de refuxiados palestinos no norte do Líbano.
O diario The Times of Israel, citando medios vinculados ao movemento de resistencia islámica, identifica o falecido como Saeed Atallah, xefe das brigadas al-Qassam, morto xunto a tres membros da súa familia nun ataque contra un edificio preto do campamento Al Beddawi.
O bombardeo produciuse despois de que o Exército xudeu emitira unha alerta para que a poboación dos suburbios do sur de Beirut, o Dahye, evacuara o lugar en previsión de novos ataques contra obxectivos de Hezbollah.
Segundo a canle de televisión libanesa Al Manar, nas primeiras horas deste sábado tamén se rexistraron agresións armadas nas localidades de Bardala, ao noroeste de Ramallah, e de Burga, preto de Nablus.
Pola súa banda, o grupo xiíita informou de enfrontamentos con tropas hebreas na zona fronteiriza co Líbano, principalmente na aldea de Odaisseh, e na área de área de Yaroun, no sur do Líbano.
Golpe a "terroristas" en Gaza
Os enfrontamentos prodúcense despois de que Israel informara dun golpe a "terroristas" nun centro de control e comando de Hamas situado na escola Ahmad Kurd, no centro da Franxa de Gaza.
Nun comunicado, explicou que levou a cabo esta operación coa axuda da intelixencia militar e que este centro de control e comando estaba dentro dun recinto que "anteriormente servía como escola", situada en Deir al Balah.
O Ministerio de Sanidade palestino, controlado por Hamás, dixo este venres que polo menos 41.802 persoas morreron en Gaza desde que comezou a guerra o 7 de outubro. Estes datos non inclúen os 10.000 cadáveres que se estima continúan entre os entullos.