Un malpicán adapta a máquina que limpa os areais para poder recoller os 'pellets'
Un malpicán adapta a máquina que limpa os areais para poder recoller os 'pellets'
Malpica é o primeiro concello en retirar os granulados plásticos de xeito mecanizado
Un pequeno empresario de Malpica utilizou o seu enxeño e foi quen de adaptar a máquina que empregan todos os veráns para limpar os areais para recoller agora os 'pellets' de plástico.
"O que fixemos foi substituír a malla por outra máis tupida capaz de reter os 'pellets' e tamén crearon un sistema de recollida con espillos de vasoira" explica Emilio Cancela.
E así é como recollen da area tanto os granulados plásticos como outros obxectos contaminantes de pequeno tamaño que poidan ir atopando.
"Amais dos 'pellets', recollemos tamén outros plásticos, sobre cento e pico quilos ao día, en total, non só de 'pellets', que iso pesa moi pouco", engade Emilio.
Nesa fase de recollida, a máquina substitúe o traballo dunhas catro ou cinco persoas. Porén para a súa posterior clasificación si é necesaria a axuda humana.
"Atrás, enchemos unha tiña con auga, cuns 300 litros. Limpamos e facemos a selección. E saíunos á primeira. Probamos, funcionou e xa nos puxemos a traballar", di Emilio Cancela.
E con este novidoso sistema, Malpica converteuse no primeiro concello en recoller 'pellets' de xeito mecanizado.