Un mozo fai 'balconing' en Vigo como castigo nun xogo dunha liga de fútbol virtual
Un mozo fai 'balconing' en Vigo como castigo nun xogo dunha liga de fútbol virtual
Saltou dende o segundo andar dun edificio sobre unha sebe
O perigo dos retos extremos nas redes sociais
Redes sociais e retos adoitan ser unha combinación perigosa. En Galicia acabamos de ser testemuñas disto logo da publicación dun vídeo dun mozo saltando dende unha ventá. Supostamente era unha proba, un castigo, por quedar coa peor puntuación nun videoxogo. Rapidamente se fixo viral a imaxe en que un mozo cumpría o castigo por perder nunha xornada dunha liga de fútbol virtual: saltando dende o segundo andar dun edificio en Vigo.
Os veciños están abraiados.
"Paréceme alucinante, non entendo estas cousas, entendo o dos retos en sentido positivo, pero non os de tirarse por un sitio para facer non sei que. O problema é que se alguén pasa por aquí e lle cae enriba, temos un problema", comentaba un deles.
A responsable dun establecemento lindeiro tampouco saía do seu asombro.
"Hai quince días, cando viñemos abrir e vimos que estaba a sebe rota, non sabiamos nada, ata esta fin de semana que vimos o vídeo, e saía nas redes sociais que chegaba a Vigo o 'balconing'".
Cousas coma esta alertan dos perigos das redes sociais. Hai xogos que simulan a liga de fútbol en que os participantes forman un equipo virtual con xogadores reais. Segundo se clasifiquen, poden ser sancionados, pero xa non se pasa por debaixo do futbolín, senón que ás veces hai retos coma este.
Á vista de como quedou a sebe logo do impacto.
Os veciños comentan sorprendidos que "ao principio pensamos que fora un coche aparcando ou así, pero un coche non podía ser porque o golpe vén de arriba". "O problema non é o perigo para os demais, que tamén, pero é un perigo para a comunidade. Non se me ocorre, que o fagan en Magaluf,... pero aquí... que sentido ten caer dun primeiro", di outro.
A busca de vídeos virais está a ser moi perigosa porque se multiplican contidos que poñen en verdadeiro risco as persoas.