Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un obradoiro de Pontedeume elabora chocolates gourmet con sabores e aromas galegos

Un obradoiro de Pontedeume elabora chocolates gourmet con sabores e aromas galegos

A materia prima é cacao de comercio xusto e na moenda é onde engaden os sabores

G24.gal 22/05/2024 21:35

Os primeiros chocolates que lanzou Tomás no seu obradoiro foron os feitos a base de alga percebe traída de Ortigueira ou de eucalipto de Ferrolterra, onde el se criou.

"Son un pouco lembranzas da infancia da zona onde nos criamos", di.

O punto de partida é a escolla do gran de cacao procedente de mercados de comercio xusto.

"Hai un que é da zona do Caribe, de República Dominicana, dunha cooperativa que se chama Oco e outro de Ghana da Cooperativa Aboka", explica o chocolateiro Tomás Rodríguez.

O proceso completo de elaboración ata obter o produto final dura ao redor dun mes. Tralo tostado, sepárase a casca da faba do cacao, que é o que se emprega para elaborar o chocolate.

A moenda é o paso en que se engaden os sabores e aromas. Hainos de crema de augardente, pan de masa léveda, millo e tamén con sabor ao camiño de Santiago.

"Metémoslle améndoa marcona e ten un pequeno toque de canela e limón como a sobremesa tan típica que é a torta de Santiago".

Traballa con produtores locais e vende os seus chocolates gourmet en tendas de proximidade. Agora Tomás xa está a idear novas propostas que sacar ao mercado. Máis variedades de chocolates con sabor e recendo galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade