Un sexaxenario queda ferido en Pantón nun accidente co seu tractor
Un sexaxenario queda ferido en Pantón nun accidente co seu tractor
A vítima do sinistro foi rescatada polos bombeiros e trasladada ao hospital de Monforte
Un tractorista sexaxenario da parroquia de Castillón, en Pantón, quedou atrapado baixo o seu vehículo. Sucedeu no lugar de Galegos, ata onde se desprazaron os equipos de emerxencias.
Os bombeiros do parque comarcal de Monforte foron os encargados de rescatar o tractorista. Para liberar a vítima, tiveron que sacala do vehículo agrícola.
Tomás Losada, sarxento dos bombeiros de Monforte: "Ao chegar, observamos unha persoa atrapada por unha perna e o primeiro que fixemos foi estabilizar o vehículo. Despois, cuns elementos de liberación elevamos o tractor para poder rescatar a persoa".
O 112 chegou a mobilizar un helicóptero medicalizado, con base en Ourense. Finalmente, a vítima foi trasladada nunha ambulancia ao hospital comarcal.
Tomás Losada, sarxento dos bombeiros de Monforte: "Pensamos que tivo moita sorte. O bo é que había unha persoa alí ao lado, que chamou o tractorista e foi quen lle apagou o tractor para que non seguise andando".
A vítima do sinistro é o coñecido fotógrafo Toño Parga. Como consecuencia do accidente, sufriu unha fisura na cadeira e a rotura dun nocello.