Publicador de contidos
Publicador de contidos

Éxito no simulacro de emerxencia que pon a proba as sirenas de 39 encoros galegos

Éxito no simulacro de emerxencia que pon a proba as sirenas de 39 encoros galegos

O son serve para avisar do risco de rotura das presas

G24.gal 26/06/2024 14:26

A Xunta e as empresas concesionarias finalizaron con éxito a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación de 39 presas galegas. O primeiro sinal activouse o martes ás 9.00 horas en Belesar e foi repartíndose en diferentes presas ata o mércores.

"Hai que revisalas cada ano, que soen, e que soen co volume adecuado e o tono correcto. O tono que teñen que coñecer os membros de protección civil e os cidadáns das posibles zonas afectadas", explica Rosana Suárez, encargada de operacións remotas, presas e concesións de Naturgy.

En Galicia, actualmente hai 46 plans de emerxencia de presa aprobados e os obxectivos que perseguen é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de ruptura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían asolagadas en caso de ruptura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias.

Sabe a veciñanza de que se trata o son?

A maioría dos veciños das zonas onde se realizaron os simulacros xa coñecen o tema. Pero sempre hai quen leva un sobresalto.

"Eu escoitei o ruido e non sabía o que pasaba, pensei na canteira que temos preto".

"Sentín a alarma, pensei que era unha ambulancia".

"Xa o fixeron máis veces, avisan e estamos afeitos".

"Fano o dos encoro para facer probas", din algúns veciños.

Cómpre que a poboación coñeza o son da alarma. Porén, en caso de que unha emerxencia tan grave chegase a ocorrer, xa terían que estar evacuados.

" Se a escoitan non terían que facer nada porque os cidadáns xa estarían evacuados cos protocolos de protección civil. Esta alarma serve para evacuar os evacuadores, xusto no momento anterior a unha posible rotura da presa", engade Rosana Suárez.

Coñeza os lugares onde soaron as sirenas

Tal e como explicou o goberno autonómico soaron a sirenas adscritas ás presas de San Cosmade o Vilasenín, Vilagudín, Portodemouros, Belesar, Peares, Brandariz, Velle, As Guístolas, San Martiño, Montefurado, Sequeiros, Santa Eulalia, San Pedro, Santo Estevo, Río Covo e Dique de Colado, Albarellos, Casoio, Castrelo, Cenza, Chandrexa, Portas, Prada, San Sebastián, Peñarrubia, Pumares, O Bao, Conchas, Salas, Baíña, Eiras, O Con, Caldas de Reis, Touro, Frieira, Ribeira, Eume, Fervenza, Santa Uxía e Cecebre.

En total son cen as sirenas que teñen que dar o do de peito polo ben de todos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade