Un terremoto de magnitude 6 sacode a costa xaponesa fronte a Fukushima
Un terremoto de magnitude 6 sacode a costa xaponesa fronte a Fukushima
Non se activou a alerta de tsunami nin constan, polo momento, danos derivados do sismo
Un terremoto de magnitude 6 sacudiu este xoves unha ampla zona do leste de Xapón, con epicentro fronte á costa de Fukushima, sen que se activase a alerta de tsunami. Polo momento non constan danos derivados deste.
O sismo tivo lugar ás 12:16 hora local deste xoves (03:26 GMT) e tivo o seu epicentro a 40 quilómetros de profundidade fronte á costa da prefectura de Fukushima, ao leste do país, segundo informou a Axencia Meteorolóxica de Xapón (AMX).
O tremor alcanzou o nivel 4 na escala sísmica nipoa (de 7 niveis e centrada en medir a axitación sobre a superficie e os potenciais danos) e o mesmo nivel nas prefecturas lindeiras de Iwate e Miyagi.
A empresa operadora da accidentada central de Fukushima, TEPCO, dixo que se atopa revisando se se produciu algún problema tras o tremor, segundo detallou a cadea estatal NHK, mentres que a ferroviaria JR East suspendeu as operacións do tren bala de Tohoku, que conecta Tokyo con Sendai, por un corte de luz.
At around 12:16 p.m. on April 4, an earthquake with a magnitude of 6.0 on the Richter scale struck off the coast of Fukushima Prefecture, Japan.
— TEPCO (@TEPCO_English) April 4, 2024
We are currently checking the impact of this earthquake on our facilities.
Segundo a compañía Tohoku Electric Power, non se detectou ningunha anomalía na central nuclear de Miyagi Ongawa nin nos niveis de radiación nas zonas próximas a ela.
O sismo deste xoves no Xapón prodúcese despois de que un forte terremoto azoutase Taiwán na véspera deixando preto dunha decena de mortos e centenares de feridos e obrigando a activar a alerta de tsunami nas illas do arquipélago de Okinwa, ao suroeste de Xapón.
O Xapón aséntase sobre o chamado Anel de Lume, unha das zonas sísmicas máis activas do mundo, e sofre terremotos con relativa frecuencia, polo que as súas infraestruturas están especialmente deseñadas para aguantar os tremores.