Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un terzo dos pazos galegos están en venda

Un terzo dos pazos galegos están en venda

O mercado está repuntando, pero os trámites burocráticos, aseguran desde o sector, desaniman os posibles compradores

Pazo en venda na Lamela, no Pereiro de Aguiar
G24.gal 17/08/2023 14:41

5.000 metros cadrados, a sete quilómetros de Ourense e listo para entrar a vivir. Son os reclamos do pazo Torre da Lamela, exemplo de arquitectura civil señorial, segundo informa a cartelería turística do concello do Pereiro de Aguiar. "Ten unha torre do século XIII, o pazo é do XVIII, ten tres andares, unha adega, unha palleira...", explica María Puga, muller dun dos herdeiros do pazo.

Está á venda por 600.000 euros. Os actuais propietarios, catro en total, son a terceira xeración. Ningún vive aquí e temen que se bote a perder: "Aquí sempre viviu xente, ata o último tío que lles quedaba. Agora hai unha familia, que o vai coidando un pouco, pero xa está máis deteriorado e é unha mágoa, porque é un pazo precioso, moi preto de Ourense", conta María.

300 en venda

É a historia que se repite en boa parte dos arredor de 300 pazos e casas señoriais que hai á venda en Galicia. O mercado, aseguran desde o sector, está repuntando, incentivado polas axudas á rehabilitación, pero mudou o perfil dos compradores: do turismo rural e a hostalería, á vivenda propia.

Benito Iglesias, presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias: "Persoas cun alto poder adquisitivo que as mercan para rehabilitar e para empregar como vivenda habitual ou segunda residencia".

A maior dificultade para a venda deste tipo de propiedades, sinalan, á parte do elevado investimento que requiren, son os procesos burocráticos ao tratarse, normalmente, de bens protexidos polo seu interese cultural.

Benito Iglesias, presidente da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias: "Poden pasar tranquilamente de 2 a 3 anos para ter unha licenza de rehabilitación desta propiedade, o que desanima moitos posibles compradores".

Os prezos varían moito, dependendo en boa medida do estado de conservación.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar