Publicador de contidos
Publicador de contidos

O presunto autor do tiroteo de Xeorxia ten 14 anos e será xulgado como un adulto

O presunto autor do tiroteo de Xeorxia ten 14 anos e será xulgado como un adulto

O adolescente matou a tiros cun fusil dous profesores e dous alumnos do seu instituto de secundaria que foron xa identificados

O estudante pasará a noite no cárcere e será xulgado por asasinato

Foto: Elijah Nouvelage (Reuters) Foto: Elijah Nouvelage (Reuters)
G24.gal 04/09/2024 20:43 Última actualización 05/09/2024 09:06

O adolescente que matou presuntamente catro persoas nun tiroteo na escola secundaria Apalachee, en Winder (Xeorxia, EUA), usou un fusil e foi interrogado hai un ano como sospeitoso de ameazas en Internet xunto a seu pai.

A Oficina de Investigacións de Xeorxia identificouno como Colt Gray, un estudante de 14 anos; pasará a noite no cárcere e será acusado de asasinato e xulgado como adulto.

As catro vítimas mortais do tiroteo son dous estudantes de 14 anos e dous profesores de 39 e 53 anos. Hai ademais nove persoas feridas, oito alumnos e un profesor, que se recuperan das súas feridas en distintos centros hospitalarios.

O FBI dixo en X que tanto o autor do tiroteo como o seu pai foron interrogados o ano pasado tras unha investigación por ameazas en Internet relacionada cun tiroteo nunha escola sen especificar.

Daquela, o adolescente negou ser responsable desas ameazas e o seu pai recoñeceu que gardaba armas de caza na casa pero matizou que o seu fillo non tiña acceso a elas sen supervisión.

Segundo o FBI, non había entón "causa probable" para un arresto ou medida coercitiva, pero a oficina do shériff alertou as escolas locais para que fixesen "un seguimento continuado" do mozo.

O pánico desatouse en Apalachee ata que o tirador foi detido

"O sospeitoso está detido e con vida", confirmou o shériff do Condado de Barrow, Jud Smith, horas despois do tiroteo. Nunha comparecencia ante a prensa Smith explicou que a investigación "está en marcha" e que se tardarán días en ter as respostas sobre o que pasou e por que.

Nas imaxes distribuídas polos medios locais vese o centro escolar evacuado, con miles de alumnos no exterior. O gobernador do estado, Brian Kemp, ordenou que todos os recursos estatais dispoñibles respondan ao incidente.

O tiroteo no Instituto Apalachee de Winder é o número 45 rexistrado no que vai de ano nun centro de ensino dos Estados Unidos, segundo o reconto que realiza a canle televisiva CNN desde 2008.

Foto: Elijah Nouvelage (Reuters) Foto: Elijah Nouvelage (Reuters)

"Non podemos continuar aceptándoo como algo normal", di o presidente Biden

O presidente estadounidense Joe Biden lamentou este mércores o tiroteo e subliñou que non se pode seguir aceptando estes incidentes como algo normal. "Non podemos continuar aceptándoo como algo normal", dixo nun comunicado difundido pola Casa Branca.

O mandatario apuntou que o que podía ser unha feliz volta ás clases en Winder se converteu noutro horrible recordatorio de como a violencia por armas de fogo segue desgarrando as comunidades do país.

"Os estudantes están a aprender a agacharse e a poñerse a cuberto en lugar de a ler e a escribir. (...) Acabar con esta epidemia de violencia con armas de fogo é algo persoal para min", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade