Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un xuíz abre unha segunda causa a Shakira por fraude fiscal

Un xuíz abre unha segunda causa a Shakira por fraude fiscal

Acúsaa de defraudar nos impostos de IRPF e patrimonio do exercicio fiscal de 2018

G24.gal 20/07/2023 10:08

Un xulgado de Esplugues de Llobregat, Barcelona, abriu unha segunda causa á cantante colombiana Shakira por mor dunha querela da Fiscalía, que a acusa de defraudar a Facenda nos impostos de IRPF e patrimonio do exercicio fiscal de 2018.

Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC), a causa contra a artista, que investiga o Xulgado de Instrución número 2 de Esplugues de Llobregat, está aberta por dous delitos contra a Facenda pública.

En 2018, o exercicio fiscal que motivou a querela, a artista colombiana xa fixara a súa residencia en España.

A Axencia Tributaria detectou irregularidades na súa liquidación de impostos de 2018 e remitiu o caso á Fiscalía dado que a suma que estima defraudada supera a os 120.000 euros, a partir dos cales, unha fraude fiscal considérase delito.

Pendente doutro xuízo en novembro

Shakira será xulgada a partir do próximo 20 de novembro na Audiencia de Barcelona por defraudar 14,5 millóns de euros entre os anos 2012 e 2014, nunha causa que tamén se iniciou por unha querela da Fiscalía de Delitos Económicos de Barcelona.

A nova causa aberta complica o escenario penal para a intérprete, quen xa devolveu os 14,5 millóns de euros que lle esixía a Axencia Tributaria, máis outros tres de intereses, pero rexeitou o acordo que lle propuxo a Fiscalía para rebaixarlle a pena a cambio de aceptar os feitos que lle imputaban.

Aínda que a cantante, que sempre mantivo que é inocente, decidiu ir a xuízo, dispón de tempo para pactar coas acusacións, que inclúen tamén a Facenda e a Axencia Tributaria catalá, ata o momento de sentar no banco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade