Unha caravana sae de Quiroga cara a Ucraína para traer refuxiados
Esperan traer dez refuxiados ucraínos a España
Levan tamén axuda humanitaria á fronteira de Polonia con Ucraína
As mostras solidarias co pobo ucraíno non cesan en Galicia. Mayte e Miguel non querían quedar de brazos cruzados ante este drama humanitario. Comezaron unha inciativa para levar alimentos, roupa e medicinas á fronteira de Polonia con Ucraína.
A viaxe comezábana o sábado desde Quiroga. Para isto contaron coa colaboración de moitos veciños da súa zona.
Os seus familiares despedíanse deles e iniciaban este periplo cunha autocaravana, dúas furgonetas e un remolque.
"Ocorréusenos que non podiamos deixar esta xente e alugamos esta caravana de sete prazas para marchar para aló, levamos o remolque e a furgoneta chea de cousas", contou Miguel.
"Levamos todo o que puidemos recadar e o que nos cabía, foi moita a axuda dos veciños da zona", asegura Mayte.
Mayte e Miguel non van sós, a esta iniciativa uníronse catro veciños máis, un deles ucraíno asentado na comarca. E polo camiño recolleron outros dous cidadáns ucraínos, nai e fillo, que queren chegar a Varsovia para traballar alí como voluntarios e axudar aos seus concidadáns...
"Coñecen o idioma polaco e ucraíno e poden axudar, séntense máis necesarios alí que aquí", engade Mayte.
Tras Varsovia o seguinte destino é Cracovia.
Este matrimonio pretende ademais recoller para a viaxe de volta uns dez refuxiados, traelos a España ou deixalos noutro país que os acolla.
"A ver se damos chegado á fronteira, alí espérannos unha familia de seis persoas e a deixar todo que levamos". "Esperamos poder traer dez persoas de volta con nós e que todo saia ben, é que hai que axudar, que é un momento crítico", dixo Mayte.