Unha cerimonia con príncipes postergados, contrastes evidentes e moita pompa
Unha cerimonia con príncipes postergados, contrastes evidentes e moita pompa
Os príncipes Henrique e Andrés viviron unha relegación que escenifica o seu papel na familia real
O boato da cerimonia e o seu custo xeran polémica entre unha parte dos británicos
A cerimonia de coroación deixa aspectos curiosos. Por exemplo, o momento estelar do saúdo no balcón de Buckingham Palace con dous postergados reais para a historia: os príncipes Andrés e Henrique, ausentes. Este último, Henrique, proxectou unha imaxe de afastamento e só se relacionou practicamente cos curmáns.
O protagonismo do seu irmán Guillerme constituíu o contrapunto e a súa muller, Kate, xerou comentarios polo estilismo. Levaba un modelo do deseñador Alexander McQueen e uns pendentes que eran unha homenaxe a lady Di, xa que os herdou dela.
Na cerimonia houbo momentos singulares: o de axustar a coroa ao novo monarca, que suscitou numerosos memes nas redes. Tamén deron que falar os dedos grosos do rei Carlos, motivo de especulacións sobre posibles doenzas.
A coroación ofrece outras vertentes. Unha delas, a pompa esaxerada e o seu custo.
"Isto tivo que custar moitos cartos. Ninguén sabe a cifra exacta. Uns din 250 millóns de libras esterlinas, outros 150 millóns. É moito diñeiro nun momento en que a xente está loitando economicamente", di a historiadora británica Alice Hunt.
O evento deixa curiosas imaxes para o contraste: a xuventude de Isabel cando accedeu ao trono e a senectude actual do seu fillo ou a coroa de Camila que non levaba Filipe de Edimburgo, porque nunca foi rei consorte, senón príncipe do Reino Unido. A exhibición aérea acurtouse por problemas meteorolóxicos e foi máis modesta ca a de setenta anos atrás.
Entre os convidados, algúns que desentoarían naquela época como os cantantes Lionel Richie ou Nick Cave e, en menor medida, a actriz Emma Thompson.
E ademais, das diversas protestas antimonárquicas nas rúas de Londres, tamén destacou o fenómeno dos fans cunha heteroxénea representación de excentricidades, entre o disfrace e o amor á monarquía.