Unha forte sarabiada provoca dous accidentes de tráfico múltiples na AP-9
Unha forte sarabiada provoca dous accidentes de tráfico múltiples na AP-9
En total houbo quince vehículos implicados e nove persoas quedaron feridas leves
A autoestrada quedou cortada durante case unha hora e houbo retencións importantes
Unha forte sarabiada obrigou a cortar a AP-9, ao seu paso polo municipio de Pontevedra, durante case unha hora tras se produciren varios accidentes de tráfico múltiples.
O máis grave, con once vehículos implicados, rexistrouse en dirección á Coruña, á altura da parroquia de Alba, entre os quilómetros 126 e 127. Nese mesmo tramo en sentido Vigo, houbo outro con catro coches afectados.
Segundo informa o 112, ocorreu sobre as once da mañá e foi un particular o que alertou da presenza de xeo na autoestrada. Como consecuencia dos sinistros, nove persoas quedaron feridas leves. Todo parece indicar que perderon o control por mor do pedrazo.
Ata o lugar desprazouse persoal médico do 061, axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, o servizo de mantemento de estradas e membros de Protección Civil de Pontevedra. As retencións chegaron aos tres quilómetros.