Unha decena de coches rebentan as rodas nunha focha na A-6 á altura de Becerreá

O burato, situado a seis quilómetros do desprendemento de terra, tapouse este domingo á noite

Félix Aragunde 30/10/2023 13:22

As rodas de, como mínimo, unha decena de coches quedaron rebentadas ao pasaren por unha focha que se abriu coa chuvia destes últimos días na autovía A-6. Sucedeu no quilómetro 456 sentido á Coruña, unha vez pasado o túnel becerreense do Cereixal.

Debido aos rebentóns, parte dos vehículos tiveron que ser retirados polo guindastre, algún mesmo con varios pneumáticos desfeitos.

"Entre os traballadores dos guindastres, Tráfico, Conservación de Estradas e os taxistas, e xuntas que é de noite e está chovendo, hai un perigo enorme", di Óscar Díaz, condutor dun guindastre.

"Cando chove, o burato non se ve, e os coches tópanse con el e é cando teñen o problema da roda cortada, co perigo que implica dun accidente maior", explica José María Díaz, xerente dun taller mecánico.

Debido á súa perigosidade, o burato foi tapado este mesmo domingo á noite, logo de que rebentasen as rodas de sete coches en cuestión de minutos. Ante o acontecido, os veciños da zona demandan que o pavimento sexa renovado por completo en lugar de cubrilo de parches.

"Tiñan que meter unha capa boa de aglomerado e reparar iso dunha vez antes de que pase algo máis grave, que pode pasar", di José María.

Este novo incidente na autovía A-6 ao seu paso polos Ancares produciuse dez días despois do desprendemento de terra rexistrado a seis quilómetros de distancia, tamén en Becerreá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade