Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha escola infantil da Coruña, pioneira en introducir produtos ecolóxicos no comedor

Unha escola infantil da Coruña, pioneira en introducir produtos ecolóxicos no comedor

A escola infantil A Caracola de Novo Mesoiro leva a cabo este proxecto dende 2015

G24.gal 25/10/2021 16:05

Da horta á cociña. Produtos de temporada, de proximidade e ecolóxicos. Este é o proxecto que dende o 2015 leva a cabo a escola infantil A Caracola de Novo Mesoiro, na Coruña.

Unha iniciativa que, amais de coidar a alimentación e a saúde dos 82 cativos desta escola, de entre 3 meses e 3 anos, tamén promove hábitos saudables e colabora cos produtores, agricultores e gandeiros da zona.

Beatriz Ferreira, directora da escola infantil municipal A Caracola, explica que "non só é alimentar, estamos a falar tamén, da economía local e do desenvolvemento da comarca e de consumir produtos que temos aquí moi preto e que son dunha calidade excepcional".

Cada martes Aitor trae ata aquí os seus produtos recollidos na tarde do día anterior. Hoxe tocou repolo, cenorias, cabaza e ovos para que logo Danay, a cociñeira da escola, elabore o menú da semana cos produtos máis frescos.

Para Aitor Lata, da Cooperativa Agraria Labrecos, este tipo de iniciativas "axúdanos a desenvolver ese tipo de agricultura que agora están demandando dende Europa".

Pola súa banda a cociñeira da escola infantil, Danay Fuentes di que ten moita liberdade para cociñar xa que "coas verduras que teña esa semana elixo eu como fago a ensalada, a crema". 

Verduras, hortalizas e legumes, pero tamén a pasta, arroz, carne, pan, iogures e peixe fresco e da lonxa proveñen de provedores coa mesma filosofía e idea.

Este ECO comedor forma parte dun proxecto multidisciplinar que pretende achegar máis os nenos á natureza e pasar a maior parte do tempo ao aire libre, que comezou no 2009.

Neste senso destaca a directora da escola que "as cousas importantes que temos é a terra. E da terra estamos aloxándonos cada vez máis".

E logo de gozar da natureza, chega unha das horas máis agardadas polos pequenos e pequenas. Toca xa encher os bandullos cos mellores produtos galegos: saudables, sostibles e ecolóxicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade