Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un incendio provoca danos materiais no matadoiro de Vimianzo

Un incendio provoca danos materiais no matadoiro de Vimianzo

Todo apunta a que o lume puido comezar nunha grella

Os bombeiros evitaron que as lapas chegaran a unha segunda nave

G24.gal 25/12/2024 08:57

Un incendio provocou alarma en plena Noiteboa en Vimianzo. Ocorreu no matadoiro situado no lugar de Vilaseco, e ao parecer puido comezar nunha grella. Non había ninguén alí porque pecharan o negocio para que os empregados saíran antes.

Ata o lugar desprazáronse efectivos dos bombeiros de Cee e Santa Comba, que lograron evitar que as lapas afectasen a unha nave lindeira. Por fortuna non houbo ningún ferido e so hai que lamentar danos materiais.

Foi un dos empregados do propio matadoiro o que alertou os servizos de emerxencias alarmado polo fume que había na zona de afumado dos chourizos.

Os bombeiros de Cee, que estaban atendendo un accidente de tráfico, achegáronse ao matadoiro.

"Un dos compañeiros desprazouse ata o parque a cambiar un dos vehículos e coller o subministrador e empezaron coa extinción do incendio que estaba na sala de afumado dos embutidos. Solicitouse a axuda dos bombeiros de Santa Comba, que se desprazaron cun vehículo de altura e colaboraron os dous parques na extinción do incendio", conta Juan Carlos Canosa, cabo do Parque de Bombeiros de Cee.

Os labores foron complexos porque no lugar onde se orixinou o lume había material inflamable.

"Complicado debido ao material, había moita madeira nunha zona que non coñeces por dentro. Afumouse a parte da zona de secadoiro e parte das instalacións porque polo falso teito penetrou bastante fume"

Tras sufocar as lapas, fixeron unha ventilación natural e logo revisaron cunha cámara térmica para comprobar todas as temperaturas das instalacións. Ás dez e media da note deron por finalizada a intervención.

Aínda é cedo para facer cálculos sobre a contía dos danos, que afectaron ao interior e ao frontal da nave.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade